Quan es va fer públic que la localitat marinera de Muros seria la seu del proper Encontro de Embarcacions Tradicionáis de Galícia, va sorgir la iniciativa de fer una entrevista col•lectiva, entre diversos blocs de temàtica marinera, a Manuel García Sendón, president de la Comissió Organitzadora de Muros 2009. L’entrevista amplia la crònica publicada el novembre passat sobre la presentació d’aquesta gran festa marinera que es va fer en el marc de l’últim Saló Nàutic.
Els blocs que han participat en aquesta entrevista són: Singradura da relinga, Amigos da dorna meca, Homes de pedra en barcos de pau, Bou de vara i El mar és el camí, a més de comptar amb la col•laboració de l’historiador i especialista en temes marítims Dionisio Pereira, que va ser president de la FGCMF entre 1994 i 1999.
Si teniu dificultats per entendre el gallec, podeu utilitzar el traductor on line Opentrad.
Elección da candidatura
Singradura da Relinga: O dinamismo da Cultura Marítima organizada manifestouse neste encontro con dúas candidaturas optando á sede do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais, que foron Vilagarcía e Muros. A labor de conformación dunha candidatura para un evento da importancia e dimensión da que posiblemente é a principal cita da cultura marítima peninsular, supón un intenso traballo de concertación e posta en común, pódesnos explicar como foi, e continúa a ser este proceso e explicarnos cales foron os principais argumentos que decantaron a balanza do lado muradán fronte a Vilagarcía, da que nos gustaría tamén, desde o teu coñecemento, nos apuntases os puntos fortes da súa candidatura?
Manuel G. Sendón: Non vou entrar a valorar a candidatura de Vilagarcía, que tiña sen dúbida méritos sobrados e mellores instalacións e capacidade hoteleira moi superiores ás nosas, de maneira que foron outros os factores que determinaron a escolla de Muros. Velaquí os máis salientables:
1. Unha ubicación nova que permite espallar o ideario e o labor da Federación. Nunca na ría de Muros e Noia se celebrara un Encontro. Por outra banda, Muros dá remate ás Rías Baixas e dá inicio á Costa da Morte, o que nos permite implicar unha enorme bisbarra.
2. A propia singularidade da vila de Muros: é un marco perfectamente acaído por ser a única vila mariñeira declarada conxunto histórico, que está en proceso de rehabilitación e conserva a tradicional fasquía mariñeira, tanto na súa estructura de conxunto como na maioría das edificacións.
3. Muros e a súa contorna posúen un extraordinario patrimonio marítimo construído. A baixa presión urbanística (respecto a outras zonas da beiramar galega) permitiunos conservar moitos e variados elementos dese patrimonio. Algún rehabilitouse, outros están en proceso e os máis están durmidos ou abandonados pero pódense recuperar. Esperamos que a celebración do Encontro e o seu desvelamento e tratamento nas Xornadas sirvan de pulo para a súa recuperación e posta en valor.
4. A bisbarra muradá é pioneira en Galicia nalgunhas iniciativas vencelladas aos propósitos da Federación. Verbo disto salienta o labor da Confraría de Lira a través dos proxectos de Mar de Lira: turismo mariñeiro, pesca sustentable, reserva mariña dos Miñarzos, etc.
5. Outro factor importante foi o carácter colectivo da candidatura. Se ben a candidatura foi asinada e presentada en principio polas asociacións Mar de Muros e Canle de Lira, co respaldo do goberno municipal de Muros, axiña se implicaron outras: varias asociacións da propia vila de Muros (Xubimar –xubilados do mar de Muros-, asoc. xuvenil Praia do Castelo, asoc. de empresarios) Mar de Noia, Terra de Outes, Colectivo de Cultura Mariñeira de Esteiro, asocs. cultural e de veciños da Abelleira; as confrarías de Muros e de Lira; os estaleiros do Freixo...
Este proceso aínda non rematou nin no propio Muros nin na bisbarra. Pero antes de seguir implicando colectivos, queremos ter establecidas as liñas xerais do Encontro para podermos gobernar tantas agrupacións. Tamén foi importante a implicación e colaboración de moitas persoas, da bisbarra e de fóra, que están a poñer e poñerán o seu tempo e saber ao servizo do Encontro.
Apoio social á candidatura
Dionisio Pereira: Dende hai bastante tempo barallouse a importancia de levar a cabo o Encontro de Embarcacións Tradicionais en Muros, quer polo seu impresionante emprazamento, quer pola súa condición de vila mariñeira relativamente ben conservada, quer porque, estratexicamente, Muros e Lira son portas para a extensión tanto da FGCMF como das angueiras de recuperación e revalorización da cultura marítima pola Costa da Morte. Agora, por fin concretouse ese anceio sentido por moitos e moitas. ¿Con qué apoio social conta a Comisión Organizadora tanto a nivel local como na contorna (Esteiro, Lira, Noia...) para levar a bo porto o Encontro?¿Pénsase nalgunha estratexia para procurar a participación de colectivos e organismos da Costa da Morte no Encontro, de cara a consolidar unha colaboración futura coa FGCMF como referente?
Manuel G. Sendón: Creo que no último punto da cuestión anterior xa vai a resposta, pero o que podo a estas alturas afirmar é que a ilusión e as ganas de colaborar en toda a contorna son enormes. Persoas e asociacións do máis diverso achéganse a nós con preguntas e ofrecementos de colaboración, pero temos que ter ben establecido o esquema do programa para non perdernos. Respecto á participación da Costa da Morte, fóra Lira, é no que imos máis retrasados malia iniciarmos xa os contactos (O Pindo, Fisterra...) É un compromiso adquirido e compartido, e coido que o labor da Confraría de Lira neste sentido vai ser moi importante.
Socialización do patrimonio
Dionisio Pereira: Muros é, por desgracia, un exemplo case único na nosa beiramar de conservación en mellores ou peores condicións de múltiples elementos do noso patrimonio litoral: fábricas de salgazón, arquitectura portuaria, vivenda mariñeira, faros, muíños de marea, cruces de afogados, exvotos mariñeiros nas súas igrexas, gastronomía, etc. ¿En qué medida o Encontro de Embarcacións Tradicionais vai permitir visualizar e socializar este patrimonio e de qué maneira se pensa integralo no propio espírito ou sinal de identidade do evento?
Manuel G. Sendón: Amais da presenza das embarcacións, que son o elemento central do Encontro, o patrimonio marítimo, exemplificado en boa medida no da nosa beiramar, será a achega fundamental do IX Encontro, baixo o concepto do que se vén en chamar ecomuseo: a vinculación do territorio coa memoria colectiva, a poboación e o propio patrimonio. Esta é a idea que dun xeito neboento expresamos ao presentar a candidatura e á que logo van dando forma Pablo Carrera e quen fai a pregunta, Dionisio.
Aínda non o temos concretado, está aberto ás vosas aportacións, pero algunhas actividades xa van collendo forma a través das Xornadas, exposicións, obradoiros...:
-Obradoiros de saberes tradicionais: realización de redes, velas... gastronómicos, de distintos oficios...
-Stand e obradoiro da Asociación de Carpintería de Ribeira.
-Mesa redonda e exposición sobre o conxunto histórico de Muros e a vivenda mariñeira.
-Catálogo dos elementos patrimoniais de Muros e dunha parte da Costa da Morte.
-A xeito de exemplo foráneos participarían nas Xornadas representantes desta temática de Cataluña, Portugal ou Francia.
-Respecto ao medio: visitas guiadas a elementos salientables do noso patrimonio, percorridos polo entorno paisaxístico e etnográfico.
En definitiva, co formato máis axeitado a cada caso (visitas, charlas, exposicións...) tentaremos deixar patente a riqueza e variedade do noso patrimonio, que exemplifica todo o que hai en Galicia, e sentar as bases para o seu posterior estudo pormenorizado e a súa posta en valor.
O programa
Singradura da Relinga: Na nosa opinión os Encontros de Embarcacións Tradicionais teñen un carácter poliédrico no sentido de seren útiles desde perspectivas diversas; cultural de valorización e defensa do patrimonio marítimo material e inmaterial, social de dignificación do pasado e o presente das comunidades costeiras, económico de incentivo turístico e fomento de actividades complementarias á pesca capaces de crear valor engadido no marco do desenvolvemento económico sostible, etc... Neste sentido, cales son os conceptos vertebradores e transversais que lle dan unidade ao programa de actividades do Encontro no seu conxunto?
Manuel G. Sendón: O elemento vertebrador vén sendo a conxunción de todos eses elementos través do devandito concepto de ecomuseo, que permite axuntar o patrimonio marítimo, prestando especial atención ao da bisbarra (embarcacións, construccións e instalacións da beiramar, a vivenda e os poboamentos mariñeiros...) a explotación tradicional e sostible do mar coma unha base para unha actual pesca sostible e mais o patrimonio natural. Todo isto conforma obviamente unha base económica que se atina no seu deseño e desenvolvemento. Boa parte dos contidos das xornadas técnicas versarán sobre estes asuntos.
Bou de Vara: No ano do Encontro. Illa 2003, a comisión organizadora tentou crear un pavillón coa denominación “O Mar dos Recursos” onde ían estar agrupadas iniciativas empresariais relacionadas coa recuperación e dinamización do patrimonio marítimo. Finalmente e por distintos motivos non se puido facer, pero a idea foi aproveitada na edición de Cambados-2005 co “Pavillón na Onda” con ese mesmo obxectivo. Tendo en conta que na edición Ferrol-2007 non se instala un espacio para estas iniciativas, ¿contémplase algunha actuación no proxecto Muros 09?
Manuel G. Sendón: A nosa intención é recuperar a iniciativa de Cambados achegando algunha das iniciativas galegas máis interesantes xunto con algunha relevante da nosa bisbarra, pero aínda está por concretar. Admítense propostas. Nestes momentos andamos na procura de instalacións que lle poidan dar cabida.
Amigos da Dorna Meca: Unha parte importante do programa do VII Encontro en Cambados foi a programación cultural elaborada para o mesmo; teredes en conta este aspecto como atractivo e complemento da actividade global?
Manuel G. Sendón: Desde logo. Do que máis ou menos temos en cartel citaría as seguintes actividades e temáticas: música (non só as actuacións festivas nocturnas, tamén grupos de gaiteiros e unha charanga amenizarán o encontro a diario, un encontro de corais...) literatura (amais da participación de escritores, temos en mente a celebración dun concurso entre todo o estudantado galego non universitario que sería premiado coa súa visita ou participación no propio Encontro), teatro (sobre todo teatro de rúa) historia e lingua. Asemade, reservaremos un espazo cunha programación especial para os nenos basada fundamentalmente en xogos e enredos tradicionais.
El mar és el camí: Els Encontros de Galícia, igual que les trobades i festes que organitzen les diverses federacions i associacions de patrimoni marítim, són punts de trobada d’entitats, empreses i col•lectius professionals amb problemes i interessos comuns. S’ha pensat en habilitar algun espai a Muros 2009 que serveixi de fòrum per tractar totes aquestes qüestions i avançar en l’elaboració d’estratègies comuns?
Manuel G. Sendón: Todos poden ter cabida nas xornadas técnicas e nos espazos expositivos ou obradoiros: confrarías, estaleiros, empresas, gastronomía, rutas patrimoniais e naturais, turismo. Calquera proposta concreta que se queira facer, achegádenola.
Innovación
Bou de Vara: Unha das cousas que gusta cando se celebra un Encontro é atoparse con algo que se faga por primeira vez. ¿Podes anticipar algunha actuación que non se tivese realizado en edicións anteriores?
Manuel G. Sendón: Amais dalgunhas cousas que fun adiantando máis arriba, creo que o máis novidoso pode ser a participación da veciñanza e o engalanamento de toda a vila, se as cousas transcorren como pretendemos.
Participación, comunicación e información
Bou de Vara: Unha da carencias que se teñen detectado no celebración dos Encontros é non xestionar un servicios de saídas ó mar para o público asistente. ¿Tedes pensado establecer algún tipo de servicio para que o público poda seguir os barcos dende o mar?
Manuel G. Sendón: En principio, dependerá en parte dos orzamentos, participarán como embarcacións de apoio e con esa finalidade O Hidria, Nieves, Nauja... e non sei ata que punto o poderiamos completar con algunha embarcación local, porque cumpriría non ter problemas coa seguridade e tampouco estragar o mínimo rigor dunha navegación de embarcacións tradicionais.
Amigos da Dorna Meca: Creo que a difusión do Encontro é primordial; a publicidade incrementouse gradualmente nos últimos anos, pero non coidas que sería moi beneficioso deseñar unha campaña de difusión no mais amplo sentido: entrevistas de radio, entrevistas en programas, convidar a programas de TV a emitir en directo desde o Encontro...?
Manuel G. Sendón: Desde logo que si. De momento o que se está a programar é unha previa polas principais poboacións de Galicia que comezaría no mes de maio e iría anunciando o Encontro. Xa no ámbito máis achegado esperamos contar cunha ruta mariñeira que irá percorrendo as localidades da ría durante a semana anterior ao Encontro. Amais da campaña ordinaria que se contemple nos orzamentos (cunha partida importante) tamén poderán botar unha man amigos xornalistas, escritores, etc. que fagan referencia ao evento.
Bou de Vara: Internet estase convertendo nunha ferramenta moi importante de difusión. ¿Tedes pensado xestionar unha web de información, axuda, foro, consulta, ideas, etc., en definitiva de información e participación?.
Manuel G. Sendón: Niso estamos, en breve estará operativa unha páxina exclusiva para o Encontro que está a elaborar o concello de Muros e que poderemos xestionar conxuntamente as asociacións organizadoras e mais a Federación.
Amigos da Dorna Meca: Cando se celebrara a itinerancia Nabeira 08 na Vila de Bouzas, mentres facía fotos do que máis adiante se inauguraría como o primeiro pantalán específico de embarcacións tradicionais de toda Galicia, asistín sen querer a unha escena na que participaban varias persoas, unha delas, referíndose á traiñeira Vig05 construída pola Escola Obradoiro Mar de Vigo, afirmaba categoricamente que se trataba dun “barco salvavidas de aquellos que llevaban los trasatlánticos”. Con esto quixera referirme á actividade divulgativa para o público. Sería unha boa idea organizar visitas guiadas, para grupos a determinadas horas, polos pantaláns onde se lle expliquen aos participantes os nomes e utilidades das diversas tipoloxías?
Manuel G. Sendón: A nosa idea é atracar os barcos consonte a clase e tipoloxía para ter ao pé dos mesmos paneis informativos. Isto complementariámolo cuns guías que lles vaian dando explicacións aos visitantes, e mesmo non descartamos deixar en terra unha mínima mariña seca.
Influencias de aquí e de acolá
Amigos da Dorna Meca: Os encontros gozan de boa saúde, mostra delo é a concorrencia de dúas candidaturas á convocatoria bianual. É imprescindible mirar sempre ao fronte, por suposto, pero penso que tamén é oportuno botar a vista atrás e revisar o que se leva andado, Cres que sería beneficioso que parte da comisión organizadora realizara un exercicio retrospectivo na historia dos Encontros para retomar actividades que foran exitosas, ou intentar mudar o enfoque de algún aspecto que se poida reformular?
Manuel G. Sendón: Niso andamos. A memoria que se lles presentou ás administracións vén sendo un catálogo das actividades realizadas nos encontros anteriores, reparando obviamente naquilo que mellor funcionou. Hai elementos que son fixos por conformaren a esencia dos encontros, outros hanse de mudar, pero todo baixo dúas perspectivas: que haxa un certo rigor e que unhas actividades non solapen outras. De todas as maneiras, os membros da Federación que estiveron na organización dos últimos encontros e que os viviron in situ son os máis acaídos para faceren esas revisións ou valoracións con máis criterio. Neste sentido, desde aquí estamos ao que mandedes.
El mar és el camí: Galícia va ser la convidada d’honor a Brest 2008, on va estar representada per un grup força nombrós de persones i d’embarcacions. Quines experiències i conclusions es van treure de Brest 2008 de cara a la seva possible aplicació a Muros 2009?
Manuel G. Sendón: Eu non sabería dar resposta atinada a esta cuestión, debera facelo a directiva da Federación. O que se me ocorren son dúas consideracións: dunha banda, ser Galicia país convidado é un orgullo para o asociacionismo galego e para a Federación (algo se debeu estar facendo ben para ter ese peso e repercusión) e por outro lado obríganos a ser esixentes e rigorosos nas actividades que programemos e nomeadamente no Encontro, por se converter nun referente europeo.
Infraestructuras
Bou de Vara: Cales son a priori as deficiencias que detectan en canto a infraestructuras para albergar o Encontro. En concreto ¿considera que a escasa oferta hostaleira pode supoñer unha limitación?
Manuel G. Sendón: Abofé que non é unha vantaxe. Desde a propia organización e a través da páxina web tentaremos ofrecer as maiores facilidades. Programamos traballar estes ámbitos:
-Para os participantes (tripulantes, xente da organización...) poremos ao seu dispor un pavillón municipal que está na propia vila e dous pequenos dos institutos. Na finca dunha vella conserveira que está fronte ao porto estamos intentando montar un cámping, que podería acoller tamén ás súas familias.
-A fin de deixar o centro da vila o máis libre posible de obstáculos, reservaremos espazo no recén construído parque empresarial (queda a pouco máis de un quilómetro do porto) para aparcar vehículos e os carros das embarcacións.
-Para os visitantes, amais dunha relación das hospedaxes e cámpings posibles en Muros e nos arredores, abriremos unha listaxe de pisos, apartamentos e casas que os veciños estean dispostos a alugar.
Estes servizos xestionaranse desde unha oficina facilitada polo Concello. Un servizo permanente de buses facilitará os desprazamentos, pero hase ter en conta que todas as actividades se desenvolverán arredor da dársena, no corazón da fachada marítima de Muros, e Muros é unha vila ben pequena. Pero certamente é unha das cuestións que máis temos que coidar e para a que debemos atopar alternativas. É un dos principais compromisos que o goberno municipal adquiriu connosco.
Cartos
El mar és el camí: Els Encontros mouen un pressupost important... Creus que la crisi econòmica afectarà el finançament de Muros 2009 i que els seus continguts es veuran retallats per aquest motiu? Muros 2009 serà l’Encontro de la crisi?
Manuel G. Sendón: Desde logo que non é unha vantaxe e certamente podemos ter problemas. A maiores, tropezamos con outro atranco: a paralización administrativa por mor das eleccións galegas, o que nos obriga a ter pechado o esencial dos orzamentos antes de que remate o mes de xaneiro a fin de evitarmos sorpresas desagradables. De todos os xeitos, das reunións tidas ata agora coas distintas administracións non concluímos unha mingua económica importante, aínda que tampouco unha melloría.
Bou de Vara: Tendo en conta os obxectivos coincidentes dos Grupos de Accións Costeira creados en Galicia ó abeiro do Eixo 4 do novo Fondo Europeo da Pesca cos obxectivos dos Encontros e tendo en conta que o GAC4 Seo Fisterra Muros-Noia vai ter un 25% do total (a maior parte deste orzamento para o ano 2009), ¿vaise contemplar esta vía de financiamento?
Manuel G. Sendón: Particularmente, a esta altura, son ignorante acerca disto. Non estaría mal contar con esa axuda. Estudarémolo, pero quen saiba máis que se poña ao labor.
Repercusións e alcances
Dionisio Pereira: Ao meu entender, o Encontro de Cambados tivo unha consecuencia especialmente positiva, que foi establecer unha canle de colaboración e mutuo respecto entre as asociacións da FGCMF e as Confrarías de Pescadores como representantes que son dos/as profesionais da pesca e o marisqueo. Dende hai algún tempo, algunhas Confrarías e de xeito sinalado a de Lira e outras da Costa da Morte como O Pindo, Fisterra ou Laxe, tentan diversificar as súas actividades desenvolvendo novos recursos baseados na activación e valorización dos seus sinais de identidade e da cultura marítima que atesouran. O devandito, pode configurar un futuro espazo de traballo en común e de relación entre as asociacións que conforman o movemento a prol da recuperación do patrimonio marítimo, as entidades museísticas e o sector profesional. ¿Vaise ter en conta esta realidade emerxente, de múltiples posibilidades futuras, no devalar do Encontro?
Manuel G. Sendón: O Encontro está totalmente aberto á súa participación. As confrarías de Lira e Muros apoiaron desde a primeiría a candidatura. Todas teñen moito que dicir, de maneira que esperamos a súa participación nas xornadas técnicas e en todo canto atinxe á mostra das súas actividades. A este respecto contamos coa colaboración de Milucho, secretario da Confraría de Lira: anda el a matinar sobre este particular, e nós seremos receptores entusiastas das súas propostas. Así como das túas, Dionisio.
Singradura da Relinga: Coidamos que o encontro serve de revulsivo e elemento catalizador que introduce dinamismo nas iniciativas cidadás a prol da cultura marítima, para que a acción positiva do Encontro se alongue no tempo. Podes enumerar e describir os efectos positivos sobre o conxunto das iniciativas en marcha no conxunto de Galicia e tamén concretamente na Ría de Muros e Noia e Costa da Morte?
Manuel G. Sendón: Non sería quen de facelo atinadamente respecto á totalidade do país, pero no que atinxe a esta contorna diría que soamente a confirmación da candidatura espertou do letargo ou serviu de impulso para algunhas asociacións: nós mesmos, o colectivo mariñeiro de Esteiro e o de Noia, a implicación da asociación Terra de Outes, a reparación ou construcción de ata catro embarcacións tradicionais que están en curso... E conforme se achegue o Encontro aparecerán máis persoas e colectivos interesados. Pero o fundamental será xestionar o que suceda despois respecto á recuperación e posta en valor do rico patrimonio marítimo que temos.
Bou de Vara: En xeral ¿que efectos e repercusións pensa que poden ter a celebración do Encontro na vila de Muros?
Manuel G. Sendón: Creo que a resposta vai avanzada nas cuestións anteriores, pero se atinamos a xestionalo os efectos poden ser estratéxicos. Por un lado asentar como unha cultura de enorme valor todo o referente ao patrimonio e mundo mariñeiros, hoxe baixo unha forte crise e a miúdo desprezada. O substrato desta valorización debera ser a base dunha chea de iniciativas culturais e con repercusión económica, de sabermos encarreirar como recursos os elementos patrimoniais, paisaxísticos e humanos. Aquí aínda non hai nada profundamente estragado, temos as bases para un desenvolvemento sustentable: dánnola o medio, os saberes tradicionais e as ferramentas modernas.
Dende ó fondo
Homes de Pedra en Barcos de Pau: Cando paseo por calquera dos peiraos nos que adoito entrar co meu barco, gústame falar cos vellos mariñeiros locais, pois son os que poden achegarme as vivencias mais afastadas no tempo. Nestas charlas-interrogatorios cando sae o tema da forma de vida e da maneira de andar o mar que tiñan os nosos maiores, sempre se lle aloumiñan os ollos lembrando tempos pasados. Son conscientes de que andar no mar naqueles tempos era moito mais duro que hoxe en día, pero falan con orgullo das súas navegacións, das súas pescas, dos seus caladoiros e, como non, das súas embarcacións. Eu que non vivín aqueles tempos nin naveguei nunca nunha lancha, nin tiven que remar longas horas para achegarme a calquera dos caladoiros mais afastados da nosa costa, identifícome cos protagonistas desas historias e sinto que son unha parte de min mesmo, que son as vivencias que nos transmiten os nosos maiores e que debemos de, nós, na medida das nosas posibilidades trasladar aos nosos fillos. E esta é a miña pregunta: ti crees Manuel que, algún día, os nosos fillos aloumiñaranse tamén os ollos falándolle os seus netos das súas embarcacións, do mar e da vida dos seus devanceiros. Seremos quen de transmitir as novas xeracións o orgullo de pertencer a unha comunidade que fixo do mar o centro das súas vidas?
Manuel G. Sendón: Manter e transmitir esa cultura como un valor en si e de noso é un dos primordiais obxectivos de cantos conforman a Federación. Para iso existimos e para iso se poñen en marcha as distintas actividades, os Encontros son o elemento máis salientable ou vistoso. A maiores, as accións arredor do mar seguirán sendo o cerne da vida e da prosperidade das poboacións mariñeiras: a crise da actividade mariñeira levou a esta bisbarra a unha crise global con perda de poboación, etc. Obviamente cómpren accións transformadoras e diversificadas, pero sen o mar nada somos.
Ora ben, temos que introducir no debate o patrimonio e a memoria do mar dunha maneira viva. Poño un exemplo: comezouse agora a rehabilitar en Muros a vella conserveira da Porteliña: para que memoria e patrimonio sexan activos temos que lograr que ese espazo se transforme nun centro vivo, non só un museo con obxectos e fotos. Que aí haxa embarcacións tradicionais e sirvan para navegar e crear unha escola de navegación tradicional, que haxa unha carpintería de ribeira que repare e constrúa embarcacións, que haxa obradoiros diversos... Así, os nosos netos sairán ao mar en compaña dos bisavós.
P.D. Percibiredes que algunhas das respostas son pouco concretas, sexa por ignorancia propia, sexa porque estamos en fase de elaboración do programa. Por outra banda, moitas das preguntas veñen sendo en realidade propostas, de maneira que o que vos pediría é que as concretásedes o máis posible e nolas fagades chegar. De podermos, levarémolas á práctica. Unha aperta.
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada